Luns en Ribeira

 

Recoñezo que ao Clube de Lectura do Ateneo Valle-Inclán ía moi nerviosa. Sabía que Daniel Asorey estivera na sesión anterior con ese librazo que é Nordeste. Cheguei a Ribeira remoendo sobre os pasos que deran polo Caramiñal Carme de Candingas, Maria Bonita, Matilda a Gringa, …

 

 

E toda esta responsabilidade, tensión e nervios foron desaparecendo, paseniño, sen decatarme, no medio e medio da conversa. Nere entrou nas nosas palabras sen facer balbordo até que alí estabamos, si, debullando as páxinas de Luns. Aprendéndonos, mirándonos e, sobre todo, tecendo redes que manteñan as nosas mans unidas, xuntas. Mulleres bravas as de Ribeira! Coas historias prendidas nos beizos, co xeito de contar de quen ten unha terra bañada polo océano ao lombo.

 

O tempo voou, de verdade. Tan agradable foi a conversa que poderiamos seguir toda a noite. Regresei a casa feliz, moi feliz porque neste Clube de Lectura fun unha afortunada e aprendín tantísimo de como cambiar o mundo desde a medicina, a docencia, a política,…, porque cando se quere, non hai nada imposible!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E, por se todo o anterior non fora  suficiente, déronme a coñecer os productos do Foro Ecolóxico de Ribeira que vos recomendo moito. Falta aí, nesa caixa, unha crema de caléndula á que xa me viciaron! Grazas ás mulleres, e a N., do Clube de Lectura do Ateneo Valle-Inclán por esta aposta polos productos de noso e non consumistas!