Presentación de Luns en Ordes

Presentar na casa supón unha responsabilidade enorme e os nervios poboan o estómago xa antes de comezar. E todo pasa ser máis fácil cando as caras do público son a túa xente. E todo pasa ser máis fácil cando contas con persoas como Susana García, Goretti Sanmartín e Ramón Vilar.

 

Susana García,  concelleira de Benestar Social do Concello de Ordes, presentou o acto debullando a novela ata o punto xusto de non facer spoiler e deixar a intriga prendida no aire. Goretti Sanmartín achegou a paixón polo traballo de difusión cultural no que se encadra este premio recibido pola novela e o pracer da lectura dun anaquiño dun capítulo. Finalmente, Ramón Vilar, compañeiro no mundo das letras, fíxonos rir xuntando palabras como o gran escritor que é. Lembrou momentos que nos uniron nesta profesión e entrevistas que me fixeron viaxar a momentos moi especiais. A miña gratitude por esta presentación que roubou os nervios e fixo que puideramos entrarlle á novela xa con máis tranquilidade.

 

Quixen, nun primeiro momento, lembrar dúas persoas importantes que estaban no Museo do Traxe porque sen meu pai e sen Estrella non sei se hoxe estaría presentando este texto. Ela foi a primreira persoa que me levou da man á escola unitaria e, alí, aprendín a xuntar os primeiros trazos.

 

A conversa sobre Luns foi superinteresante e aínda nos daba para estar un anaco máis se non se nos botase a noite enriba. Queda para outra ocasión retomar todo aquilo que non nos deu tempo porque cando a compaña é da mellor, os minutos voan!

 

 

 

Moitas grazas a quen nos acompañastes neste día tan especial!