Por fin! Chegou a hora! Teño un troll!

Confésovos que xa estaba un pouco preocupada, a verdade. Toda a xente sabe que cando comezas ser coñecida polo teu traballo, chega un troll. Vía ao meu redor que Susana Aríns, Mario Regueira, etc, tiñan un troll nivel experto e comíame a envexa. Eu tamén quería ter o meu propio troll. Quería desfrutar das vantaxes de ter o meu propio troll e… chegou o día!

Pero que é un troll? Pois, sinceramente creo que son persoas ás que non lle damos a suficiente valía. Si, sei que son xente que buscan incomodar, molestar, ofender,…, usando as redes sociais como foco de atención, pero tentade darlle a volta; poñédevos na súa pel. Algunha vez pensastes canto traballiño leva iso de trolear? Cantos sacrificios teñen que facer? Éche unha raza moi denigrada e mira que fan esforzos por chamar a atención!

Recoñézovos que eu son especialmente afortunada porque me tocou en sorte un troll con habilidades variadas. Si, xa sei, si. Sei que morredes de envexa, pero, tranquilidade, xa vos contarei un par de truquiños para que poidades gozar dos seus beneficios. Veredes, hai diferentes especies de trolls. Imos enumerar algunhas:

1- O insignificante: principiante que trolea sen mirar a quen, pero o seu número de seguidores é tan pequeno que ninguén lle fai caso.

2- O filósofo: ten as súas razóns para trolear e tenta enredar calquera que pase para a súa causa.

3- O troll universal: trolea todas as persoas que encontra e non entende o seu perfil se non é para montar lea alí por onde pasa. A súa finalidade é sentirse admirado pola comunidade troll e ir alimentando o seu egocentrismo.

4- O hater: son persoas frustradas que tentan impoñer as súas ideas usando o insulto, ofensas ou calumnias. Aliméntase, principalmente, do odio e, para iso, serviralle calquera tipo de post, comentario ou fotografía.

5- O simpático: costuma actuar unha única vez e gastar unha broma.

6- O spammer: que remite sempre ao seu contido porque “es más mejor”

O meu troll nivel experto xa ten catro destas características: 1, 3, 4 e 6 !!! Si, sei que é especialista na 6 con aquilo de ” y de lo mío que?”, pero iso non quita que non se esforce nos outros puntos.

Aínda que as recomendacións para ter un troll son contradictorias (nun lado din que non se deben alimentar e, noutro, que adoran as sementes e pódenselle botar sen límite diario) vou apostar por recoñecerlle o seu labor porque ter un troll ten unha serie de beneficios:

1- Un troll dache máis importancia

Cando pensas que ninguén te le, o troll sempre está aí. Enche os baleiros todos e sempre, sempre regresa.

2- Os troll son unha raza grande

Non desesperes. Pode tardar, pero hai un troll para ti. Sexa cal sexa o tipo de troll que precises, aparecerá o troll que che fará compaña. E cando penses que o perdeches, virá outro para ocupar o seu lugar ou para  o apoiar.

3- Un troll dache popularidade

” Que falen de ti, aínda que sexa mal” O troll sabe cal é a súa función e cúmprea sen desfalecer. Aí está sempre para ofrecerche grandes frases.

4- Un troll é a persoa perfecta para escribir a túa autobiografía

Mellor ca ti coñece todos os erros que puideches cometer nunha novela e, incluso, na túa vida real. É capaz de encontrar en milisegundos aquela publicación que esqueceches onde a gardaches ou aquela fotografía na que saes con cara de xouba. Garda todos os datos meticulosamente ordenados na súa cabeciña.

5- Un troll confórmase con pequenas satisfaccións, traballa duro e non hai que remunerarlle o traballo.

Un troll é unha persoa traballadora, fiel, incansable. Non precisa diñeiro: un chío, un pequeno erro,…, é suficiente para facelo feliz. Nin sequera tés que facer o esforzo por caerlle ben, simplemente coas túas tonterías abonda para darlle de comer.

6- Un troll é aquela persoa que sempre está pendente de ti

Sempre, sempre. Enviarache solicitudes de amizade con mil perfís diferentes, saberá que publicaches ou deixaches de publicar, en que eventos participas e con quen,… Nunca deixará de seguirche a pista nin de preocuparse por ti.

7- Un troll non se deprime

Canto máis tentes afastalo, máis próximo estará de ti. Xa podes insultalo, bloquealo, ofendelo,…, que aí seguirá incansable. Sempre fiel.

8- Un troll publica contido por ti

Esta é unha das características fundamentais dos troll. Falan de ti, por ti, en diferentes lugares e de maneira altruísta. Xera backlinks, tráfico que remite ao teu traballo e dache unha publicidade que, probablemente, non serías quen de pagar.

Se ti tamén queres ter un troll basta con coñecerlle as características e ir alimentanto o seu ego, odio ou demais facendo un bo traballo. Así conseguirás que se fixe en ti. Cando o consigas, lembra as recomendacións para coidalo: non expoñelo ao sol, ofrecerlle viño e pipas (adoran as sementes de xirasol). Hai quen di que tamén lle debes acariñar o cabelo, pero eu ignorei- adrede- esta indicación e non parece que teña efectos negativos na súa produción. Sorte na vosa procura do troll!

(todos os contidos están sacados das diferentes publicacións( especializadas no tema) das redes polo que podedes ampliar información alí)