Presentación Anamnese na Andel Libraría

Un poemario non só son os versos que o compoñen senón que está inzado de amigas e amigos que permiten que, este, sexa o que é. Isto é do que falamos na Andel.

5 en andel

Cando se envían os textos a un premio non son máis do que unha fotocopia encadernada que en nada se parece ao produto final. Ao construir ese obxecto máxico, que supón o “envoltorio” das estrofas, entran en escena moitas persoas que, polo xeral, traballan “na sombra”. En Anamnese acontece o mesmo. E, hoxe, era o día de que o espazo fose das persoas que me acollen con todo o seu cariño e me apoian nesta aventura da poesía.

Anamnese gañou, na súa estética, cunha fermosa e incrible fotografía que lle agasallou Carme Carreiro, a alma mater do Premio Lueiro Rey (ao que animo a participar a todo o mundo agora que xa están abertas as bases para o seguinte certame). Hoxe, Carme contounos cómo naceu a idea do premio de poesía, as súas orixes e cómo continúa a súa andaina de aquí para o futuro.

carme andel

Contamos, tamén, coa presenza de Marieta Lueiro (a filla de Manuel Lueiro Rey) á que lle agradezo de corazón a súa intervención porque nos permitiu achegarnos non só á parte literaria do autor senón a recordos entrañables e moi emotivos.

marieta na andel

Estas dúas intervencións sorpresa puxeron a guinda ao pastel da presentación feita por Jose Luís López e Ramón Nicolás.

Se Xaime e Concha, da Andel Libraría, non me tivesen convidado á Feira do Libro de Vigo, non tería a oportunidade de coñecer a Jose Luís López. Un lector agudo que me emocionou coa lectura que fixo do poemario e que, hoxe, nos acompañou revelando os “segredos” da viaxe feita a través de Anamnese.

jose luis na andel

Ramón Nicolás, do que sempre tanto aprendo, debullou Anamnese, con mimo e agarimo, presentando todas e cada unha das arestas que conforman os poliedros da realidade en termos poéticos.

ramon nicolás na andel

Un libro é un obxecto moi complexo que non existiría sen as persoas que fan posible a existencia do premio, neste caso de Anamnese, sen os críticos literarios que nos permiten achegar a nosa voz á xente que le, sen as persoas que recollen os versos e os fan seus nin sen as libreiras e libreiros que nos acollen para estas presentacións ou nos convidan a participar nas feiras onde as fronteiras entre autora e lectoras e lectores se mesturan. A toda a xente que se encontra nestas páxinas de Anamnese: moitas grazas!

andel-do-libro-galego-e-portugues