Suxestións para a biblioteca

Achégome á bibliotecaria e pregúntolle se está dispoñible o Mein Kampf. A cara de abraio suma ao silencio xélido no que se transforma o ambiente.

– Non está dispoñible. Se queres podes achegarte até a Biblioteca Central pero… sabes que é un libro que incita á xenofobia, verdade?

Abro o libro que teño entre as mans e que leva o rexistro desta biblioteca. Leo en voz alta:

– “Se tiró sobre mi pecho con todo su peso, y me la ensartó. Si le hubiera dejado, aquella vez probablemente me habría partido en dos…”

– Ese libro é dunha colección erótica de moito prestixio e o seu autor é ben recoñecido (citou a colección e outras obras do autor pero non penso facerlle a máis mínima publicidade)

– Si e está dispoñible nos estantes ao alcance de calquera usuria/o a partir dos catorce anos, é dicir, o Mein Kampf é unha animalada pero un libro no que un home de cincuenta anos “ensarta” unha nena de seis ou se recrea na violación da rapaza porque argumenta que é pracenteira para ela, non o é…

removiendo by alé

Xira a banqueta, colle un impreso do estante e ofrécemo. “Suxestións para a biblioteca”. Detéñome no cadro en branco mentres a bibliotecaria desaparece entre os corredores. Comezo a escribir.

As bibliotecas públicas. O seu papel como creadoras de referentes.

Non son partidaria da censura de ningún libro pero pregúntome polo criterio de selección nas adquisicións. Son consciente que ese é un elemento de “censura” imposto pola situación de crise ou outros que se me escapan. Hai uns meses enchín un formulario, semellante a este, suxerindo a compra de La bella durmiente: Papeles de Pandora,de Rosario Ferré, porque é unha novela que me interesaba ler e porque, como usuaria habitual da biblioteca, temos ao noso dispor o poder facer comentarios sobre os libros que nos gustaría encontrar nos estantes. Como saben, os recortes brutais e a actual situación, máis que complicada das bibliotecas públicas, non permitiu a adquisición da obra desta escritora de Porto Rico. Non obstante, si encontro unha terceira edición dunha novela erótica na que, desde a primeira páxina, se propón a penetración dunha nena de seis anos por parte de homes adultos como elemento de pracer para a cativa ( “violacións pracenteiras” incluídas). É ficción, si. Unha terceira edición, si. Ten demanda, si. Son, estes, motivos que xustifican esta compra? Non dubido que o Mein Kampf tería demanda, tamén. Navego na rede procurando comentarios sobre esta novela erótica e non me sorprendo: opinións todas de homes explicando o importante que foi a súa lectura para entender o espertar sexual masculino…”

Mentres escribía, unha rapaza e un rapaz (duns 16 anos, máis ou menos) esperan a que termine coa suxestión. Agardan na fila falando baixiño como corresponde ao lugar. Comentan cómo Sonia, a rapazada de Chantada, levou un tiro na cabeza por parte da súa parella.

– A pobre estivo unha hora tirada no chan antes de que alguén lle acudise… – di ela- Coa bala na cabeza!

– E non me estraña!- responde el- Se te metes no medio dunha cousa destas igual saes ti malparado… que en Chantada coñécense todos e logo se sabe…

– Xa – asinte ela- pero poderían protexer ao tipo que avisou, non?

A rabia retórceme o estómago e róubame as palabras. Asino a suxestión. Meto o papel branco no buzón. Poño a copia verde entre as mans da rapaciña que espera na fila, detrás miña. Saio na procura de aire. Xusto a tempo para non afogar.